Monday 29 de April de 2024

A Xunta inviste 1,4 millóns nunha nova orde de axudas para que os concellos desenvolvan Estratexias de sustentabilidade ambiental


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou hoxe na II Xornada sobre xestión de puntos limpos, organizada en colaboración coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp)

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 1,4 millóns de euros nunha nova de orde de axudas que terá como obxectivo apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes na elaboración de Estratexias de sustentabilidade ambiental, que permitan integrar a adaptación ao cambio climático na planificación municipal.

Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa participación na II Xornada sobre xestión de puntos limpos, organizada polo Goberno galego en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

“Nos asentamentos de poboación consúmese o 75% da enerxía mundial”, explicou a conselleira, quen proseguiu que por iso é “moi importante” que os concellos sexan capaces de poñer en marcha estratexias “propias e singulares” que dean resposta ás características, oportunidades e necesidades propias de cada un dos territorios.

De aí que este ano se poña en marcha por primeira vez esta convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días. Cada concello solicitante poderá acceder a unha axuda máxima de 4.500 euros, que cubrirá ata o 70 por cento do custo da elaboración da estratexia.

Segundo explicou Mato, esta é unha aposta máis dentro da colaboración que mantén o Goberno galego coa administración local en materia de medio ambiente. Ao respecto, citou aos puntos limpos como “magnífico exemplo” desta cooperación.

Actualmente, Galicia conta cunha rede de 147 puntos limpos, que dan servizo a 233 concellos. Desde 2009, téñense posto en marcha 22 novas instalacións destas características, o que supón un incremento do 18% e un investimento de 6,5 millóns de euros. Grazas a este esforzo, hoxe preto do 90% da poboación de Galicia –ao redor de 2,4 millóns de persoas- ten un punto limpo á súa disposición.
Co obxectivo de mellorar esta rede, a Consellería desenvolve anualmente un Programa de seguimento e vixilancia ambiental de puntos limpos, que fomenta as boas prácticas neste servizo e realiza visitas de seguimento ás instalacións para solventar calquera deficiencia.

Ademais, a Consellería e a Fegamp asinaron recentemente un convenio, dotado con 535.0000 euros, que ten como finalidade contribuír á adaptación dos puntos limpos ao Real Decreto sobre residuos e aparatos eléctricos e electrónicos. “O obxectivo é limitar o impacto ambiental que producen estes dispositivos, cada vez máis utilizados e máis rapidamente reemprazados polos seus usuarios”, precisou Mato.

En definitiva, rematou a conselleira, “a coordinación e a colaboración entre as entidades locais e a Administración autonómica é hoxe máis necesaria que nunca para alcanzar o obxectivo do desenvolvemento sostible”. Por iso, apostou pola cooperación entre todos os actores da sociedade para facer fronte aos restos da sostibilidade, loitar conta o cambio climático, e implantar unha economía circular e baixa en carbono.